luns, 23 de xaneiro de 2023

Concurso Odisea

O alumnado de Latín e Grego invadirá esta semana a nosa biblioteca na procura do camiño correcto para chegar a bo porto! O concurso Odisea escudriñará as augas no mundo clásico e os Ulises e Penélopes tratarán de atinar co seu sentido na diana das respostas correctas! Sorte!







Poema Odiseico

Desde o teu instituto, desde a túa casa, ven, ti que amas o legado clásico, aquí

ao concurso Odisea, que un bo ramallete de cuestións hai

de mitoloxía, de literatura, de historia, e os computadores botan fume

xa nas aulas de informática;

soa fresca a auga a través das preguntas

e os dedos teclean xa as respostas,

e unha profunda investigación dará lugar

a palabras clave;

deuses ríos, ninfas dos estanques, fontes, acueductos, 

océanos de profundas correntes, gotas de sabedoría…

Ven, estudante, esteas onde esteas, 

ti que navegas a través da rede

pescarás éxitos nas augas, 

á vez axitadas e tranquilas,

doces e saladas,

de Grecia e Roma. 

                                                              

                                                                        Decadracma de plata de Aretusa,

                                                                                                                                    acuñado en Siracusa, Sicilia  (405-400 a. C.)


venres, 20 de xaneiro de 2023

Tertulias literarias

Lectores de entre o noso alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato acudiron esta semana á cita con  outros lectores no Liceo.

Intercambio e partilla de opinións e impresións sobre a novela Golpes de Luz de Ledicia Costas.

O martes 24 será o momento de falar coa autora. 

Alí nos vemos!



luns, 9 de xaneiro de 2023

Máis poesía

"A poesía de Luis Valle é unha das mellores cousas que lle pasou á literatura galega nos últimos anos".

Así de contundente escribe Armando Requeixo en Tempos Dixital (nº 308, xaneiro 2023) para presentar o último poemario deste xa perito na escrita poética: Alianza.

Neste libro fala sobre todo de Amor, con Safo de Lesbos como prologuista desta viaxe marcada polos sentidos, a beleza, a distancia, a perda, a delicadeza. E Eros gobernando a nave.

Paga a pena meterlle o dente a esta nova incorporación ós nosos andeis!




domingo, 8 de xaneiro de 2023

Música para O lume

 David Rubín descóbrenos a música que o acompañou na creación da súa última novela gráfica. 

Magnífica selección musical para unha magnífica lectura seleccionada na nosa biblioteca para estes días de chuvia e inverno.

E neste texto, Laura Barrachina descobre a música que lle evoca a lectura de O Lume. 

Todo isto acompaña excelentemente a experiencia deste libro ilustrado do ourensán David Rubín.



sábado, 7 de xaneiro de 2023

O Lugariño

O primeiro libro en solitario de Iago González é "un libro-lugar, intrahistórico mapa total que acolle a tribo enteira..." en palabras de Olga Novo. 

A mestra-musa Olga engaiolou coa súa poesía inspiradora a unha xeración de novas voces poéticas ourensáns que coñecimos en volumes colectivos como 21 poetas para o século XXI ou Dentes para a mazá, e tamén en recitais de gratísimo recordo coma a Pontesía ou o Pomeagosto.  E non foi flor dun día, pasa o tempo e estas voces van madurando e latexan con forza. 

O Lugariño está nos andeis da nosa Poesía para todos os gustos agardando berrarche ó oído os nomes de persoas e lugares que Iago leva moi dentro.