venres, 17 de decembro de 2021

Charla científica: As orixes de Ourense

Rematamos este trimestre de moita ciencia na Biblioteca na compaña de J.María Eguileta, arqueólogo municipal do Concello de Ourense, que nos explicará o estado da cuestión das orixes de Ourense. 
Como xa temos traballado dende distintas perspectivas, o coñecemento científico non é estático senón que se vai construíndo segundo avanza a investigación. 
O que sabemos sobre os alicerces da nosa cidade foi medrando nos últimos anos, grazas a novos achádegos que proporcionaron datos importantes, despois do seu estudo. E o espazo que ocupa o noso centro é un dos que proporcionou nova información. Agardamos o que nos conte unha persoa que traballou nesta investigación e que ademais é un grande divulgador, como nos demostra, por exemplo, nos artigos que cada sábado publica na prensa.



E ademais, podedes consultar este libro na nosa biblioteca.






xoves, 16 de decembro de 2021

Visita á Biblioteca Nós de Ourense

Un grupo de 3º da ESO visitou a biblioteca provincial Nós. 

Recordamos que o noso centro foi sede da biblioteca provincial ata que un incendio en 1927 destruíu parte dos seus fondos e do edificio. Dende aquela ata hoxe, a biblioteca percorreu varios lugares, ata asentarse nun edificio exclusivo, deseñado especificamente para esa fin. 

Percorremos todos os recunchos, recibimos explicacións das moitas posibilidades que nos ofrece, e incluso as persoas que non o tiñan, saíron co carné feito!

Agardamos que a partir de agora, este magnífico lugar e todos os tesouros que garda pasen a ser un dos destinos favoritos do noso alumnado.











Aproveitamos para coñecer o magnífico Claustro de S. Francisco e a sala da Escolma de Escultura do Museo Arqueolóxico.



Grazas ás persoas que nos guiaron e amenizaron a nosa visita!


sábado, 11 de decembro de 2021

Premios Xerais de Novela

 Dúas grandes mulleres gañan os tres premios deste ano:

Ledicia Costas: premio MERLÍN, de literatura infantil pola obra O neno do lume, a fascinante historia de Morgan, un neno que, cando era un bebé, apareceu dentro dunha cesta xunto cunha enigmática nota: "Lédeme máis alá da néboa e búsquen na casa das tres irmáns e díganlle que son o neno do lume"

Berta Dávila: premio JULES VERNE, de literatura xuvenil, pola obra Un elefante na sala de estar, o relato que parte dun grupo de persoas que se ven afectadas por un suicidio intenta buscar o motivo ó tempo que se culpan e procuran o xeito de aceptalo... Diferentes voces, orixinalidade, sentimentos, contradicións, xiro final sorprendente.

Berta Dávila: premio XERAIS de novela, pola obra Os seres queridos, unha reflexión sobre a alienación, novela incómoda sobre a negación da muller como persoa dende o momento en que se converte en nai. As arestas controvertidas da maternidade, sensacións de culpa e arrepentimento, reflexións sobre a creación literaria, prosa precisa e emotiva...

Recordo a Darío Xoan Cabana, gañador en dúas ocasións, e ás súas palabras: "A literatura, a poesía, é a forma máis alta e depurada que asume a lingua".

Paga a pena ver o video da entrega de premios. Fermosísimas palabras de libros, imaxinación, contos, calidoscopios, fadas, recordos, golpes de luz, inventos marabillosos...





Agardamos con ansia que sexan publicadas!

mércores, 1 de decembro de 2021

In memoriam

 Inauguramos este apartado cun home e unha muller moi recoñecidos na literatura galega e española:

Darío Xoán Cabana e Almudena Grandes. Ambos faleceron neste mes de novembro. 

Na nosa biblioteca temos algunhas das súas obras máis recoñecidas. E queremos adicarlle a nosa lembranza.