xoves, 30 de marzo de 2023

Día da poesía

Club de lectura Aleitando

 Hoxe volvémonos xuntar para volver falar do libro Todo o tempo do mundo de David Pérez Iglesias. 

Desta volta deixámonos arrastrar por Ariadna e o seu avó a través do seu mundo de silencios e sons, de cheiros, sabores e sentimentos agochados.

Deixámonos levar tamén polos sabores das froitas e os chíos dos paxariños, aprendemos nomes novos e descubrimos que a nosa Andrea vive por riba dun muíño coma aquel no que Ariadna aprendeu a moer.

E tamén soubemos que María coñece moi ben o paporubio e a curuxa!




Na próxima reunión acabaremos de poñerlle os nomes ós paxariños, e volveremos escoitar os seus chíos!


mércores, 22 de marzo de 2023

Día da Poesía








Marabilloso día da Poesía. O  alumnado, despois de traballar con "Cor e poesía" (Colaboración dos departamentos de Plástica e Lengua Castellana coa Biblioteca), recitou os seus poemas.

Ademais dúas poetas novas, Zaira Ferradás e Mª Rosa Fernández Araújo,  xa con obra publicada agasalláronnos coas súas novas creacións. 

E a gran sorpresa: o noso compañeiro Jonathan Pérez leunos unha escolma dos seus poemas! 

Completamos as actividades poéticas coa lectura en voz alta dunha escolma de "Poetas de acá e de acolá" na hora adicada a ler (Proxecto lector) en todas as aulas da ESO.






domingo, 19 de marzo de 2023

Muller e xornalismo

 O 25-N iniciamos un proxecto consistente en analizar o tratamento da violencia contra as mulleres na prensa. 

O proxecto non rematou no punto en que estaba previsto e o día 17 de marzo escoitamos a Laura Vázquez e Alba Chao, xornalistas, que verqueron luz sobre algunhas das preguntas que o alumnado se fixo despois de ver noticias sorprendentes. 

Ademais explicáronnos o seu proxecto de traballo como mulleres e xornalistas.




Agora tócanos reflexionar e dar un pasiño máis: dirixir cartas ós xornais nos que foron detectadas deficiencias no tratamento da violencia.