sábado, 27 de xaneiro de 2024

Día escolar da non violencia e da paz. Día da Ilustración


A próxima semana, con motivo destas conmemoracións, a Biblioteca propón as seguintes actividades que dan pé á reflexión sobre a violencia. Nalgunha delas, 
trátase de conxugar  o concepto violencia-paz co formato Ilustración

  1. Deseño de imaxes que poden ir acompañadas dun lema. Deben ser sinxelas e de pequeno tamaño, xa que o obxectivo final é seleccionar algunha para imprimila en chapas.
  2. Elaboración de microrrelatos en distintas linguas a partir do verso de Lorca "No. No me encontraron". Exporanse no corredor da biblio, xunto con algúns materiais sobre os desaparecidos nas dictaduras.
  3. Selección e exposición de libros axeitados para o alumnado que tratan distintos conflictos activos hoxe, con especial atención á novela gráfica e banda deseñada (compráronse recentemente obras moi interesantes que achegan distintos aspectos da violencia dende perspectivas variadas).
  4. Exposición de materiais con datos sobre  guerras activas actualmente, desaparecidos en dictaduras, lecturas recomendadas das que non dispoñemos pero que se poden tomar en préstamo noutras bibliotecas (ELBE-2, GaliciaLe, Biblioteca Nós....)

venres, 26 de xaneiro de 2024

Tertulias literarias. As alumnas

O grupo de alumnas de 4º de ESO e 1º de Bacharelato que participan nas tertulias literarias do Liceo, reuníronse no espazo lector da "Capela" para preparar o encontro con outras lectoras e coa autora, Paula Carballeira.

O martes 23, celebramos unha animada Tertulia cos compañeiros do IES O Couto e o IES Ferro Couselo. Os logros e retos dos dereitos das mulleres, a educación transformadora e a memoria foron os temas aos que nos achegou a obra As Alumnas de Paula Carballeira, premio Nacional de Teatro 2023.
A autora conversou co alumnado, riu, asinou libros e mostrou a súa alegría polo encontro, na xornada do mércores 24.

Un luxo de actividade para o noso club de lectura, organizada polo Concellería de Educación e a Deputación, á que lle desexamos longa vida! Un éxito de participación e de comunicación lectora!





luns, 22 de xaneiro de 2024

Club de lectura Afouteza

Presentación do Libro das Marabillas de Marco Polo coa tradución de Maite Jiménez. Espectáculo de cor e son, sabores e olores. Pero sobre todo, as palabras da Maite, excelente coñecedora do texto, transportáronnos a outros tempos e lugares. O Club de lectura Afouteza estivo alí. E moi activo!







xoves, 4 de xaneiro de 2024

Postais naturais

 Con imaxinación e ganas, o alumnado de 1º de ESO elaborou estas preciosas postais só con elementos naturais e biodegradables.

Bo traballo!