Non puidemos rematar mellor o curso dos Clubs de lectura!
Onte, día abafante de calor, procuramos frescura nas pedras da Casa Museo de D. Ramón Otero Pedrayo para falar, entre as paredes que foron o seu fogar, da vida e da extensísima obra do Patriarca.
E iso foi no primeiro que salientamos: a prolixidade e heterexoneidade da súa obra. Prosa, poesía, teatro, ensaio, oratoria, xeografía, biografía, xornalismo... Quen dá máis?
Falamos polo miúdo dalgúns dos seus relatos, da riqueza do seu vocabulario e das dificultades para lelo ás présas (tal como estamos afeitas a facer case todo no noso tempo). E acordamos que quizais ler a Otero sexa tamén un bo exercicio para fuxir das Mil cousas que nos atoan e nos impiden gozar da lectura detida nesta Sociedade do cansanzo.
Falamos tamén da Guía de Galicia e de Orense, referentes para turistas con interese en afondar nos lugares que visitan; da representación da Lagarada na propia casa do autor; do seu estilo tan cinematográfico en ocasións; das lembranzas do seu vivir con referencia á súa entrada no Instituto; da xeografía presente en todas as obras; da conexión queer (?) no relato do Maroutallo...
E como non, da ligazón entre a paisaxe (tamén sonora), descrita profusamente, e os sentires e emocións dos personaxes. E quedamos colgadas na baranda do corredor que dá ao sur observando o lugar onde medrara e morrera o seu "irmanciño", a árbore que, dalgún xeito, o acompañou ao Alén. Probablemente con esta ollada á contorna da casa tratamos de meternos na pel de D. Ramón e acabar de comprender o home que había detrás do escritor. Ou non.
Neste percorrido, físico, literario, sensitivo, acompañounos Andrea Estévez da Fundación Otero Pedrayo. Cantas cousas nos contou que descoñeciamos porque non veñen nos libros ou nunca escoitaramos. Andrea, ademais de contarnos a historia da casa e quen a habitou, fíxonos repararar en elementos clave na vida e obra de D. Ramón: o mapa de Fontán, o cadro de Castelao, a cantidade inxente de libros en tantos idiomas, o seu despacho...
Ademais de Andrea, tamén nos acompañou a revista Rañolas, cos seus artigos especiais sobre Otero, algún incluso con son! Que marabilla, canto traballo non só de elaboración senón de recopilación de materiais dispersos producidos ao abeiro do Stembach, das aulas, dos roteiros...
En fin, fecundísima visita para rematar a nosa andaina con Afouteza! Grazas a todas as participantes!







Ningún comentario:
Publicar un comentario