mércores, 20 de novembro de 2024

Xuntanza Afouteza

 Segundo o previsto o día 19 falamos moito e ben sobre Eduardo Mendoza e a súa última obra, Tres enigmas para la organización.

Iñaqui Sevilla, un dos membros do club, fíxonos unha magnífica introdución ao autor. E a continuación destripamos a trama, os personaxes, os lugares... Disfrutamos e deixámonos levar polo mundo da novela negra e os seus autores.





sábado, 16 de novembro de 2024

Mes da ciencia en galego

 Comezamos este mes cun proxecto de actividades engaiolante: experimentos a cargo do departamento de Física e Química, prácticas de matemáticas e paseos etimolóxicos polos nosos corredores. Ademais imos enchendo os nosos recunchos de libros que nos transportan ós marabillosos mundos do saber. 

Seguiremos informando!




venres, 15 de novembro de 2024

Manolo Rivas: premio Nacional das Letras españolas

 Un dos nosos autores máis queridos e lidos. Que boa nova. Aquí o texto da resolución

As voluntarias e voluntarios da biblioteca apuraron a buscar todas as obras que temos nos nosos fondos. Costou atopar algunha que se deslizara entre as de Riveiro Coello (de cando en vez cómpre revisar estes movementos inesperados😉) pero conseguimos unha boa escolma!




xoves, 14 de novembro de 2024

O recuncho do teatro

 Esta semana inauguramos este precioso recuncho da biblioteca para ir colocando escenario, actores, obras... e todo o que se nos ocorra!



xoves, 7 de novembro de 2024

Moito teatro!

 



Imos comezando a facer teatro dentro e fóra da Biblioteca. Hoxe tocoulle ao alumnado de 1º da ESO cuha visita dramatizada polas rúas da nosa cidade, para descubrir  OS SEGREDOS DOS FRANCISCANOS!

Dentro da programación di Arquivo histórico provincial de Ourense e coa guía de Xoana "a lavandeira" e o franciscano Frei Xan chegamos ata o magnífico claustro, único vestixio do antigo convento.
Polo camiño coñecemos o Correxidor, o Bispo, as súas disputas... E no claustro houbo competición para interpretar os capiteis... e recoller agasallos!
Unha clase de Historia con moito teatro!!!






Magosto

Seguimos no ciclo festivo do outono co MAGOSTO! Mañá celebrarémolo no IES a partir das 11.30: XOGOS POPULARES, CANTIGAS E CANTAREIRAS, ENTREGA DE PREMIOS dos CONCURSOS DE SOBREMESAS E DE RELATOS DO SAMAÍN e, por suposto, CASTAÑAS.🪀🎶🥁🎁🥨🫓🥞🌰🌰🌰

Unha vez máis, os usuarios do CENTRO DE DÍA DA FARIXA, virán compartir con nós festa e conversa neste bonito proxecto de INTERCAMBIOS INTERXERACIONAIS xa consolidados.🧓🧑‍🦲🧑‍🦳🧑‍🦱🧑‍🦰🙍🧑🧒🧓



O MAGOSTO e as tradicións  teñen espazo nas nosas clases. Como mostra aquí vos deixamos esta bonita recolla e actualización de cantigas de magosto de Nate, membro do equipo de biblioteca.



mércores, 6 de novembro de 2024

Tres enigmas para la organización


O próximo 19 de novembro ás 19 horas, na biblioteca do instituto falaremos da primeira lectura con Afouteza: Tres enigmas para la organización de Eduardo Mendoza.
Un membro do grupo faranos unha introdución ao autor e á súa obra.
Ademais disto e das reflexións e comentarios que poñamos en común, podemos aproveitar para compartir os nosos gustos no eido da NOVELA NEGRA/POLICIAL ou como lle queiramos chamar. Será un xeito de coñecer autores novos ou recordar outros. 
Quen queira tamén podería traer algunha desas novelas do xénero para facer entre nós un intercambio de libros, coma noutras ocasións.
Deixamos para a seguinte reunión os comentarios das nosas lecturas de verán. Non creo que nos dea tempo a todo.

Tentamos o contacto co autor a través da editorial. Imaxinabamos que o resultado sería negativo e.... así foi😆.  Contestaron, iso si, amablemente: "Muchas gracias por vuestro interés en el libro de Eduardo Mendoza. Lamento comunicarte que el autor no está disponible para clubes de lectura ni entrevistas".


Como sucedáneo, non por iso menos interesante, podemos ir vendo este capítulo do estupendo programa de libros Página dosno que entrevistan a Eduardo Mendoza a propósito desta novela. E de paso, un paseo pola Barcelona do libro e moitas cousas máis.


 Bo proveito literario!




domingo, 3 de novembro de 2024

Samaín


Aquí algúns dos relatos de medo presentados ao certame:







E algunhas imaxes terroríficas que nos deixaron as voluntarias da Biblioteca