O xoves 13 de xuño o club de lectura Afouteza deixou a biblioteca do instituto e reuniuse na Fundación Vicente Risco, en Allariz.
Visitamos a casa, descubrimos a abraiante obra de Vicente Risco e deleitámonos coas pegadas que se gardan do polifacético artista: libros, debuxos, obxectos persoais e mesmo as preciosas miniaturas feitas con miga de pan.
A parte da casa adicada a O Porco de pé foi o marco perfecto para comentar algunhas escenas desta marabillosa obra na que aparece mencionado o noso instituto e que algún membro do club leu durante estes días previos á visita.
Celia Pereira, a presidenta da Fundación, deleitounos coas súas apaixoadas explicacións, froito dun traballo inconmensurable sobre esta figura senlleira da nosa cultura.
E tamén tivemos tempo para analizar a nosa última lectura deste curso: Golpes de luz de Ledicia Costas. Houbo debate sobre a temática, o estilo, os personaxes... Non nos deixou indiferentes, nin a lectura nin a charla que tivemos.
Temos un grupo diverso, intenso, apaixoado da lectura, e por iso queremos seguir lendo e compartindo!
Ningún comentario:
Publicar un comentario