Remata este mes no que tentamos poñer á vista a ciencia e amosala dende ángulos diversos.
E aínda nos quedadaron para decembro algúns flocos das actividades argalladas ao abeiro da biblioteca, coa colaboración dalgúns departamentos -nomeadamente o de Bioloxía- e do marabilloso grupo de apoio -alumnado entusiasta que nos acompaña nos leceres-.
Aínda está fervendo o RETO CIENTÍFICO (hoxe publicouse o nº3), con ansia por saber quen será o gañador ou gañadora! Que gran traballo fixo o departamento de Bioloxía!
E quedan pendentes dúas exposicións de proxectos que farán alumnas de 1º de Bacharelato que gañaron en cursos pasados dous importantes premios: "The Challenge" e un certame de ideas innovadoras ligadas ao desenvolvemento sostible. Será no mes de decembro ante alumnado de 2º e 4º da ESO.
Ademais houbo unha selección de libros de ciencia en galego e castelán á entrada da biblioteca, para que fose máis doado enredar cunha lectura diferente... non todo vai ser ler ficción!
E tamén enchemos os nosos expositores coa selección de Mulleres científicas elaborado pola Universidade de Vigo: Quero ser científica!
Ningún comentario:
Publicar un comentario