As nosas propostas
domingo, 23 de abril de 2023
Día do libro
venres, 14 de abril de 2023
Club de lectura Afouteza
Marabillosa xuntanza do club de lectura de persoas adultas sobre o libro de Bibiana Candia, Azucre.
Acompañounos a autora durante dúas horas -que se fixeron curtas- por vía dixital, pero sentimos a súa presenza como se estivese entre nós.
Houbo lembranzas, evocacións, bágoas, moita emoción. Todas as persoas do club tiñan alguén na súa memoria que podía ter estado na viaxe que narra Azucre.
O libro está cheo de frases memorables; como alguén dixo: "teño medio libro suliñado". Mais tamén dos beizos das lectoras e lectores saíron frases inesquecibles: "coa túa linguaxe leváchesme ao carón da miña avoa cando me contaba contos", "comprendín por que meu avó nunca quixo falar do que lle pasara en Cuba, de onde volveu sen un can e sen un ollo", "nena, o que pasei alí non é para contar", "coidado co porco, que te come", "a importancia de chamarlle ás cousas polo seu nome"....
Tamén se falou da necesidade de sacar á luz a nosa historia, porque se non se fai, non existe; da marabillosa tradución ao galego e das ilustracións que abren fiestras á nosa imaxinación; de como se xestou esta historia; de proxectos futuros...
Foi unha moi fecunda conversa, aleitada por unha magnífica conversadora e escritora. Grazas Bibiana! Quedamos para outra!
xoves, 30 de marzo de 2023
Club de lectura Aleitando
Hoxe volvémonos xuntar para volver falar do libro Todo o tempo do mundo de David Pérez Iglesias.
Desta volta deixámonos arrastrar por Ariadna e o seu avó a través do seu mundo de silencios e sons, de cheiros, sabores e sentimentos agochados.
Deixámonos levar tamén polos sabores das froitas e os chíos dos paxariños, aprendemos nomes novos e descubrimos que a nosa Andrea vive por riba dun muíño coma aquel no que Ariadna aprendeu a moer.
E tamén soubemos que María coñece moi ben o paporubio e a curuxa!
mércores, 22 de marzo de 2023
Día da Poesía
Marabilloso día da Poesía. O alumnado, despois de traballar con "Cor e poesía" (Colaboración dos departamentos de Plástica e Lengua Castellana coa Biblioteca), recitou os seus poemas.
Ademais dúas poetas novas, Zaira Ferradás e Mª Rosa Fernández Araújo, xa con obra publicada agasalláronnos coas súas novas creacións.
E a gran sorpresa: o noso compañeiro Jonathan Pérez leunos unha escolma dos seus poemas!
Completamos as actividades poéticas coa lectura en voz alta dunha escolma de "Poetas de acá e de acolá" na hora adicada a ler (Proxecto lector) en todas as aulas da ESO.
domingo, 19 de marzo de 2023
Muller e xornalismo
O 25-N iniciamos un proxecto consistente en analizar o tratamento da violencia contra as mulleres na prensa.
O proxecto non rematou no punto en que estaba previsto e o día 17 de marzo escoitamos a Laura Vázquez e Alba Chao, xornalistas, que verqueron luz sobre algunhas das preguntas que o alumnado se fixo despois de ver noticias sorprendentes.
Ademais explicáronnos o seu proxecto de traballo como mulleres e xornalistas.








