domingo, 16 de xuño de 2024

Golpes de Luz e Vicente Risco

 O xoves 13 de xuño o club de lectura Afouteza deixou a biblioteca do instituto e reuniuse na Fundación Vicente Risco, en Allariz.

Visitamos a casa, descubrimos a abraiante obra de Vicente Risco e deleitámonos coas pegadas que se gardan do polifacético artista: libros, debuxos, obxectos persoais e mesmo as preciosas miniaturas feitas con miga de pan. 




A parte da casa adicada a O Porco de pé foi o marco perfecto para comentar algunhas escenas desta marabillosa obra na que aparece mencionado o noso instituto e que algún membro do club leu durante estes días previos á visita.



Celia Pereira, a presidenta da Fundación, deleitounos coas súas apaixoadas explicacións, froito dun traballo inconmensurable sobre esta figura senlleira da nosa cultura.

E tamén tivemos tempo para analizar a nosa última lectura deste curso: Golpes de luz de Ledicia Costas. Houbo debate sobre a temática, o estilo, os personaxes... Non nos deixou indiferentes, nin a lectura nin a charla que tivemos. 




Temos un grupo diverso, intenso, apaixoado da lectura, e por iso queremos seguir lendo e compartindo!


xoves, 13 de xuño de 2024

Irene a porteira

 O club de lectura Aleitando vai rematando o curso. Hoxe amosáronnos o seu traballo a partir da última lectura do curso, Irene a porteira. Mulleres no deporte, mulleres das que case non sabiamos nada porque non se lles deu importancia, non se escoitou a súa voz e os seus logros quedaron no silencio.

Grazas por sacalas á luz!